Como sabedes, dende que iniciamos o obradoiro de cociña fai xa moitos anos, as croquetas da nosa Otilia sempre foron un éxito asegurado do riquísimas que están, e un reclamo por parte de tódolos/as residentes.
Despois dun ano botándoas de menos pola situación que estabamos a vivir; o venres pasado puidemos retomar a actividade e non tivemos opción; tiñamos que facer as famosas “croquetas de Otilia”.
O xoves, Otilia elaborou a bechamel coa axuda de Renata, a nosa estupenda xefa de cociña.
E o venres, un grupo de compañeiros/as envolvéronas en ovo e pan rallado no obradoiro que ten lugar todas as semanas.
Unha vez, listas, as cociñeiras encargáronse de fritilas na cociña para servir no xantar como primeiro prato, ¡que boas que estaban! Tanto que os/as compañeiros/as xa están presionando a Otilia para que volva a facelas canto antes.
Queremos aproveitar este bonito e motivador obradoiro para retomar tamén a sección do noso blog “QUERO COCIÑAR COMO A MIÑA AVÓA”. Unha sección en homenaxe as nosas avoas, que naceu para plasmar as receitas con máis historia das/os traballadoras/es, residentes e familiares. Receitas transmitidas polos nosos antepasados (avoas, avós, nais, pais, tías…), e que a día de hoxe gardamos con especial agarimo polas historias que as envolven. Unha forma de transmitir e compartir co mundo unha parte de nós, da nosa familia, da nosa historia.
Desde aquí animámosvos a que nos enviedes esa receita especial para facerlle a homenaxe que se merece.
Deixámosvos a famosa receita de croquetas de xamón da nosa querida OTILIA.
“CROQUETAS DE XAMÓN DE OTILIA”
Ingredientes:
150gr manteiga
Leite
Fariña de trigo
Xamón en cubos (ó gusto)
Elaboración:
Corta a manteiga en dados e pona a fundir nunha pota.
Cando xa esté derretida engade o leite e remexe para que se mesture ben. Seguindo engade a fariña e coce a bechamel durante 20 minutiños aproximadamente remexendo constantemente.
A mitade da cocción, engade o xamón en cubos e remexe ben para que o xamón estea ben repartido e que a bechamel colla o gusto do xamón.
Unha vez cocida a bechamel, sácaa do lume e pásalle a batedora para asegurarte de que non quedan grumos.
Extende a masa sobre unha fonte. Cubre con papel film e deixa que enfríe.
Cando a masa estea fría, corta e moldea as croquetas.
Pásaa por ovo e pan relado e frielas en aceite ben quente. Tamén podes enfariñalas antes de pasalas por ovo e pan rallado.
Cando estean feitas, retíraas da tixola ou freidora e ponas a escorrer o exceso de aceite sobre un prato cuberto con papel de cociña.
Por último, serve as croquetas de xamón ¡e a gozar das deliciosas croquetas estilo “Oti”!
¡BO PROVEITO!
#domusviferrol#querocociñarcomoamiñaavoa#