A historia de vida é un relato autobiográfico, que a persoa responsable vai recollendo por escrito (xa sexa a propia persoa se as súas facultades psicofísicas llo permiten coma un profesional), onde se mostra o testemuño subxectivo da vida da persoa, atendendo ás valoracións que a persoa fai e como relata os acontecementos.
É unha das ferramentas máis importantes a utilizar na vida da persoa maior; con ela, adentrámonos nas súas vidas, facéndonos partícipes delas e determinando o seu punto de vista, xa que narra emocións, sentimentos e feitos de como esa persoa os viviu.
Dende o departamento de Animación Sociocultural (sendo esta unha rama da Educación Social) de calquera centro é moi útil esta ferramenta, xa que, coñecendo a fondo a cada persoa, poderase organizar un plan socioeducativo diferente para cada residente, así como aportarlle información ao equipo de traballo para que exista un traballo multidisciplinar efectivo e beneficioso.
Na historia de vida adentrámonos tamén na memoria da persoa para traballar con ela a reminiscencia. Aínda que pareza que non, a historia de vida é complexa, xa que hai que atender a todo, e non simplemente escoitar o que nos contan, senón analizalo, sacar conclusións e valoralas.
É moi importante que cando se finalice o traballo, que a persoa poida lela e lle sirva como material de recordo, así coma para as familias, que tan interesante é coñecer toda a vida das nosas persoas maiores, xa que cada unha é un mundo.
E como persoas, falar e coñecer, acércanos moito á outra persoa, a coller confianza e a poder traballar de forma máis completa.
Agora mesmo, na residencia DomusVi Cangas, estamos traballando cun pequeno proxecto de historias de vida con poucas persoas residentes. Neste proxecto trabállase nunha historia de vida moi elaborada cun emotivo final, e hai un triángulo indispensable de traballo para conseguir un resultado final excelente; residente, profesional e familia. O traballo non é sinxelo, xa que require moito tempo por parte de todas as persoas implicadas, pero realmente o resultado vale a pena. Se finalmente sae todo ben, realizarase a actividade co maior número de persoas posibles.
Dende a residencia intentaremos pouco a pouco ir implementando novas cousas que beneficien o coñecemento da vida das persoas, así coma o seu benestar psicofísico diario.
Un saúdo dende o departamento de Animación Sociocultural.