Dende fai tempo andanos rondando na cabeciña que facer con toda a roupa que nos sobra; somos conscientes das grandes maniobras de marketing que as grandes empresas textiles levan a cabo, con moda flash, e a política de comprar, tirar, comprar. Este fenómeno provoca que en Europa se produzan cerca de 16 millóns de toneladas de residuos textiles cada ano, o que ten un impacto nunca visto para o medio ambiente.
Ante esta problemática puxémonos a buscar algunha organización encargada de facer un uso ético é sostible da xestión de residuos textiles, e atopamos a INSERTEGA.
INSERTEGA é a primeira empresa galega adicada exclusivamente á xestión da roupa usada; usan como criterio as 3 Rs da ecoloxía: reducir, reutilizar, e sen non queda outra, reciclar.Someten ao residuo téxtil a unha operación de valorización, de modo que deixe de ser considerado un residuo, de acordo cos criterios específicos establecidos na lexislación actual.Unha vez finalizado o proceso de valorización e seguindo os principios de solidariedade e sustentabilidade, pomos de novo en circulación un produto ao que aínda lle queda moita vida.
Ademais disto, o seu principal obxectivo, como empresa social, é a creación de postos de traballo. Buscan a integración no mundo laboral de persoas procedentes de sectores en risco de exclusión social(máis dun 70% de traballadores/as con discapacidade),son centro especial de emprego( Rexistro de Centros Especiais de Emprego, co nº de rexistro 157-GZ)e teñen como compromiso empresarial prioritario a reinversión dos beneficios obtidos en labores sociais e programas de axuda.
Buscan difundir a reciclaxe e a sustentabilidade entre os mozos, a través de entidades públicas e organizacións que se presten a colaborar. Neste sentido teñen en proxecto actividades de formación en coordinación con centros educativos, programas de inserción laboral e programas de concienciación social.
Todo isto convéncenos, e vai en liña coa nosa forma de entender a reutilización dos residuos e o emprego ético, polo que comezamos a colaborar con eles, e a ser un punto de referencia de recollida de roupa na zona de FerrolTerra.
Fai pouco levamos a primeira furgo cargada de roupa, e os técnicos de INSERTEGA explicáronnos como fan a selección de roupa e como lle intentan dar unha segunda vida.
Se non sabedes onde levar o textil, xa sabedes, en DomusVi Ferrol recollémolo, e INSERTEGA fai o resto!