A risoterapia é unha estratexia psicoterapéutica que aporta beneficios mentais e emocionais mediante a risa.
Ao longo da vida, nas persoas vanse mermando capacidades físicas e mentais que interfiren no benestar das mesmas, e brindarlle estratexias de actuación que impliquen risoterapia é esencial, o que implica combater o sentimento de soidade e a depresión, que é común en idades avanzadas.
O humor é considerado importante na expresión dos seres humanos, xa que permite a liberación da tristeza, ansiedade e esgotamento entre outras cousas. A importancia reside en todos os beneficios psicolóxicos e neurolóxicos que aporta.
Algunhas das actividades que utilizamos na residencia para provocar esta felicidade entre todas as nosas persoas residentes son os grupos de conversación, onde se comunican entre todas (pódese complementar cunha actividade doutro tipo) e hai momentos nos que soe aparecer o momento de humor; unha vez á semana cóntanse chistes que son moi beneficiosos en canto a provocar a risa; e a maiores en actividades extraordinarias, ou mesmamente ordinarias, dende o departamento de Animación Sociocultural sempre intentamos manter un bo estado de ánimo cun feedback de felicidade.
É esencial manter ese sorriso no rostro dos nosos, xa que este xesto, por simple que pareza crea un beneficio enorme. E para iso estamos, para coidar persoas en boa compañía e velar polo seu benestar psicofísico.
Por aquí vos deixo moitos dos sorrisos que diariamente nos alegran no centro residencial.